Celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil nas bibliotecas do Vicedo

28-03-2019

O vindeiro martes 2 de abril celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro Infantil, para conmemorar o nacemento de Hans Christian Andersen. Este ano a Biblioteca Pública Municipal do Vicedo e a Biblioteca Escolar do CEIP do Vicedo únense para celebrar este día organizando dúas actividades conxuntas.

En primeiro lugar, ás 14h, na Biblioteca do CEIP do Vicedo celebrarase este día coa lectura da mensaxe que se lerá en todo o mundo, escrita por Kestutis Kasparavicius (da sección da IBBY de Lituania), despois haberá unhas lecturas infantís por grupos onde os grandes lerán contos aos pequenos e os pequenos contarán o que pasa nos contos.

Pola tarde, ás 16:30h, xa na Biblioteca Pública Municipal do Vicedo, haberá lectura conxunta de libros infantís de diferentes niveis, adaptados a todas as idades, e nos que se convida tamén aos pais e nais do alumnado a participar e lerlles textos aos participantes.

Nas dúas actividades participará o persoal das dúas bibliotecas, que se unen para esta importante celebración internacional.

 

Compartir: