Este xoves 2 de xuño ás 13h presentouse na Casa da Cultura do Vicedo e na praia de San Román a V Romaxe Viquinga que se celebrará os vindeiros 29 e 30 de xullo de 2022 coa praia de Area Grande (San Román) como principal escenario.
Compareceron neste acto de presentación o excelentísimo alcalde do Vicedo D. José Jesús Novo Martínez acompañado do delegado territorial en Lugo da Xunta de Galicia D. Javier Arias Fouz e dos artistas Enrique Domínguez e Andrea Pousa (Queiman & Pousa), quenes levaron a parte artística en anteriores edicións.
O máximo responsable do equipo de goberno vicedense indicou que a Romaxe deste ano “está deseñada para chegar á maior xente posible”, comezando polo cartel promocional creado polo ilustrador ortegano Cristian F. Caruncho e a presentación na cidade de Lugo, acto xa habitual.
O rexidor tamén avanzou as partes dun programa “moi completo e optimizado, xa que o tempo dá para o que dá” que contará cun gran torneo medieval con especialistas a cabalo, espectáculos de lume, enterramento e voda viquinga. Como especial novidade este ano, xa de si completo, hai que destacar a participación de Marionetas Trécola, que presentarán unha obra de teatro viquinga, posiblemente a primeira que exista en Galicia. O evento está organizado de maneira que haxa actividades ao longo de todo o día e a noite, de maneira que adultos e nenos e nenas poidan atopar sempre algunha actividade do seu interese.